O 28 de xullo conmemórase o Día Mundial contra a Hepatite Vírica, promovido pola OMS para chamar a atención sobre esta doenza e lembrar todas as complicacións e afeccións que provoca na poboación. Se temos que conmemorar esta data é porque, a pesar de todos os avances, son moitas as persoas que ano tras ano se infectan cos diferentes virus da hepatite. No día de hoxe, de novo, é fundamental lembrar que a protección das relacións sexuais segue a ser un importante recurso para protexernos e para protexer aos demais.
A hepatite é unha infección que inflama o fígado, un órgano importante para o metabolismo e para a desintegración de alimentos no sistema dixestivo. Na actualidade coñécense cinco tipos de hepatite viral: A, B, C, D e E. As máis perigosas son as variedades B e C, xa que se cronifican e poden acarrexar unha serie de complicacións severas para a saúde. Estes dous tipos de hepatite transmítense por vía sanguínea e por fluídos corporais incluídos os sexuais.
Hepatite B
Calcúlase que máis de 200 millóns de personas no mundo están infectadas polo virus da Hepatite B, que se contaxia a través do sangre, o seme e os fluídos corporais, mesmo en cantidades microscópicas.
As relacións sexuais sen protección e compartir materiais de inxección de drogas contaminados, son as prácticas que provocan máis infeccións. Tamén se transmite da nai ao bebé polo embarazo, parto e lactación.
Entre as principais complicacións deste virus están a cirrose e o cancro de fígado, por iso é tan importante un diagnóstico a tempo e un tratamento axeitado. Os síntomas son: febre ou febrícula, ictericia (cor amarelo da pel e da conxuntiva dos ollos), fatiga, malestar, dor nas articulacións, músculos e cabeza. Tamén é posible que a persoa infectada non presente ningún síntoma, o que complica o diagnóstico e tratamento. Na actualidade existe unha vacina contra a Hepatite B, que se administra aos nenos e nenas e que ten unha efectividade de protección elevada. Esta vacina tamén pode administrarse na idade adulta, ás persoas non vacinadas que teñen prácticas de risco.
Hepatite C
Este tipo de hepatite contáxiase a través do sangue contaminado, pero tamén pode transmitirse por vía sexual, aínda que é menos transmisible por vía sexual que a Hepatite B. O maior problema da hepatite C é que tende a cronificarse nun importante número de afectados dando lugar a cirrose e cancro de fígado.
Non existe unha vacina para a hepatite C, pero existe un tratamento antivirico moi eficaz. Se tiveches prácticas de risco para hepatite C consulta co teu médico/a para facer a proba e de ser o caso un tratamento precoz antes de que a infección produza danos irreversibles.
Hepatite A
A hepatite A transmítese habitualmente pola auga e os alimentos contaminados. Pero tamén pode transmitirse pola sangue ou nas prácticas de sexo oral-anal.
Existe unha vacina para persoas que teñen risco para esta infección, como os viaxeiros a países onde a hixiene da auga e os alimentos é deficitaria e tamén para persoas con prácticas sexuais de risco para hepatite A.
Protexernos da hepatite… como?
As relación sexuais son un factor de risco no contaxio da hepatite B e C, por iso é moi importante tomar as medidas de protección axeitadas.
- Fala coa túa parella sexual sobre as túas dúbidas e medos. Se o precisas podes solicitar unha analítica para descartar calquera infección.
- Emprega preservativo durante toda a práctica sexual.
- Non compartir materiais de inxección de drogas.
- Piercings e tatuaxes, con seguridade. Elixe un establecemento seguro e confiable, que cumpra con todas as medidas sanitarias.
- Consulta co teu médico/a. Está para resolver as túas dúbidas e mesmo dar a orientación precisa no caso de vacinación sobre a hepatite B e A ou realización da proba da hepatite C.