Sabías que 1 de cada 5 persoas infectadas polo VIH non o sabe? Hoxe 20 de outubro conmemórase o Día da Proba do VIH e queremos lembrarvos a importancia da detección precoz desta infección. Actualmente o VIH/sida non ten cura, pero está demostrado que acceder canto antes aos tratamentos antirretrovirais frea dun xeito moi importante a evolución da infección, mellora a calidade de vida e aumenta a esperanza de vida. Ademais, redúcese o risco de seguir transmitindo o VIH a outras persoas. Saber é sempre mellor que non saber, non vos parece?
Quen debe realizar a proba do VIH?
Calquera persoa que tivera prácticas sexuais desprotexidas, con independencia da súa procedencia ou orientación sexual.
É especialmente importante en persoas en situacións de risco, como:
- Homes que manteñen sexo con outros homes
- Persoas heterosexuais con múltiples parellas sexuais
- Persoas que exercen a prostitución, as súas parellas sexuais e os seus clientes
- Parellas sexuais de persoas seropositivas
- Persoas que sufriran unha agresión sexual
- Mulleres que estean, ou sospeiten que poidan estar embarazadas
- Persoas que compartiron material de inxección de drogas
- Persoas que tiveron unha exposición accidental, como a rotura de preservativo nunha relación sexual cunha persoa infectada polo VIH
Cando debe realizarse a proba?
Ningunha proba pode detectar o VIH inmediatamente despois da infección. O periodo de tempo en que unha proba non é capaz de detectar unha infección denomínase periodo ventá. As probas que detectan a infección polo VIH teñen un período ventá establecido xeralmente nos tres meses. Non obstante, estímase que as probas de VIH actuais poden ofrecer un resultado fiable dende que pasaron aproximadamente entre 4 e 6 semanas dende a práctica de risco.
Que tipos de probas hai?
Existen actualmente varios tipos de probas. As máis coñecidas son a proba diagnóstica do VIH en sangue, a proba rápida en fluído oral anónima, e os novos autotest de VIH de venda en farmacias. Fai clic nos hiperenlaces para ver información específica no noso blog.
Onde podo realizar as probas?
As probas diagnósticas de VIH en sangue podes solicitalas no teu centro de Atención Primaria. As probas rápidas en fluído oral poden solicitarse en calquera Centro Quérote+ de Galicia ou en diferentes entidades que colaboran coa Consellería de Sanidade no desenvolvemento do Programa de Diagnóstico Precoz do VIH en Galicia. As probas autotest poden facerse no propio domicilio da persoa que compra o autotest na farmacia.
Son fiables os seus resultados?
O seu resultado é fiable se pasaron, polo menos, 3 meses dende a práctica de risco. Os resultados reactivos das probas rápidas sempre teñen que confirmarse coa proba diagnóstica do VIH en sangue.
Pode darse un falso negativo?
Si. Se realizaches a proba durante o periodo ventá, pode darse un falso negativo. Nese caso debes repetir a proba transcorridos 3 meses dende a práctica de risco para confirmar os resultados.
Se eu teño un resultado negativo, significa que a miña parella sexual tamén é VIH negativo?
Non, é preciso que tamén se realice as probas oportunas para confirmalo.
Se o resultado é positivo, significa que teño sida?
Non. Estar infectado polo VIH non significa ter sida, na que existe algunha das enfermidades asociadas a esta infección (tuberculose, sarcoma de Kaposi, etc). A sida é a etapa máis avanzada da infección polo VIH.
Por que é tan importante facer a proba?
Porque independentemente do resultado quedarás máis tranquilo. E se é positivo, poderás acceder canto antes ao tratamento para poder vivir unha vida máis longa, sa e con calidade de vida. En calquera caso, é fundamental que sigas usando preservativo en todas as túas relacións sexuais.