Sabías que a posibilidade de contraer unha ITS no verán é maior? O certo é que a probabilidade aumenta un 15% no segundo semestre do ano. Esta asociación non é porque exista un maior risco asociado a factores climatolóxicos senón que é debido a factores sociais. Por exemplo, aumento de relacións sexuais con persoas descoñecidas, aumento do número de parellas sexuais, incremento das relacións sexuais durante as viaxes, aumento do consumo de sustancias desinhibidoras como o alcohol…
Ademais, está comprobado que durante estes contextos, utilízanse menos os métodos anticonceptivos de barreira como é o caso do preservativo.
Como sospeitar das ITS? O primeiro motivo é recoñecer e darnos de conta de que tivemos relacións sexuais non protexidas nas semanas ou meses previos.
A pesar de que en moitas ocasións as ITS son asintomáticas, tamén poden aparecer síntomas como o proído, inflamación, dor, secrecións ou síntomas como a febre no caso de ITS coma as hepatites ou o VIH.
En canto a pautas para previlas, a forma máis eficaz é o uso do preservativo durante toda a relación, incluído o sexo oral para o que podes utilizar barreiras bucais. Ben utilizados, os métodos de barreira diminúen un 90% o risco de transmisión. Outra forma eficaz é realizar cribados periódicos de ITS acudindo ao médico/a se con frecuencia tes prácticas sexuais de risco. O diagnóstico e tratamento precoz evita que a maioría das ITS evolucionen a formas graves e tamén reduce o risco de transmisión
Para algunhas ITS dispomos de vacinas; polo que outro xeito moi efectivo para evitalas é a vacinación. Consulta co teu médico/a o estado do teu calendario vacinal fronte a ITS.
En definitiva, cóidate, utiliza métodos anticonceptivos de barreira e consulta co teu médico/a se tiveches prácticas sexuais de risco. Goza do sexo, pero goza de forma segura.