Existe moita información falsa ou errónea sobre as ITS e que podes atopar en moitos sitios web detrás dos cales non hai institucións ou profesionais formados. Ante esta situación é lóxico que existan unha serie de mitos e crenzas sobre estas infeccións que se atopan moi lonxe da realidade.
Queremos que teñas as menores dúbidas posibles respecto a este tema, e no caso de telas, buscamos aportar as ferramentas precisas para que ti sexas capaz de xestionar a situación sempre a través da mediación do profesional da saúde. Este é un recuncho seguro onde podes consultar e participar das dúbidas e cuestións relacionadas coas ITS e co sexo seguro. Porén imos intentar separar o que é MITO e o que é REALIDADE.
Mito: O preservativo non é fiable
Debido á cantidade de información errónea que existe sobre as ITS e a súa prevención, podemos atopar afirmacións que cuestionan a protección dos preservativos que non se basean e estudos nin en datos oficiais e poden ser moi prexudiciais para a saúde individual e colectiva.
Realidade: o preservativo ten unha efectividade moi elevada pero en nada existe risco 0.
O único que pode supoñer un risco 0 é a abstinencia, pero temos claro que na maioría dos casos non é unha opción. Podes gozar do sexo con tranquilidade pero con precaución, porén emprega condón para evitar situacións non desexadas, vai na túa saúde.
Mito: Con anticonceptivos orais, co DIU ou de barreira como o diafragma non é necesario usar o preservativo.
Moitas veces existe confusión entre a contracepción e a prevención das infeccións de transmisión sexual. O único anticonceptivo que evita embarazos non desexados e que protexe contra as ITS é o preservativo.
Realidade: Só o preservativo ten a dobre faceta de previr embarazos non desexados e as infeccións de transmisión sexual.
O preservativo, ademais de ser un anticonceptivo de barreira eficaz, é o único que permite previr con alta efectividade a transmisión de infeccións de transmisión sexual.
Mito: As ITS vense a simple vista
Outra concepción errónea e perigosa é que as ITS poden observase a simple vista e se tanto ti como a túa parella padece algunha, podes notalo. Isto non é verdade.
Realidade: A maioría das infeccións de transmisión sexual non presentan síntomas visibles.
As ITS, con frecuencia, non presentan síntomas na persoa que a padece hasta que a enfermidade esta moi evolucionada. Os síntomas adoitan aparecer cando non se realizou un tratamento temperá e correcto destas infeccións o que pode derivar en graves consecuencias para a saúde. Non esperes que as ITS avisen da súa presenza, porque non adoitan facelo. Usa condón e cúrate en saúde.
Mito: O infectado non ten a responsabilidade de comunicar ás súas parellas que ten unha ITS
Se contraíches unha infección de transmisión sexual debes avisalo e comunicalo ás persoas cas que mantiveches algún tipo de relación sexual. Compórtate con empatía coas persoas coas que tiveches relacións sexuais, como che gustaría que se comportasen contigo. Comunicar unha ITS non é motivo para avergonzarse. É unha obriga ética e legal
Realidade: O infectado debe comunicar ás persoas coas que mantivo relacións sexuais, nos últimos seis meses, o diagnóstico dunha ITS.
Como diciamos antes, moitas infeccións de transmisión sexual non presentan síntomas o que pode supoñer unha despreocupación por parte da persoa, aumentando o risco de padecer complicacións pola falta de diagnóstico e tratamento. Debes avisar e comunicar para que as túas parellas sexuais non corran riscos.
Mito: as ITS pasan soas.
Existen certos tabús arredor das ITS. Non falar delas abertamente pode restarlle importancia e crear mitos ou crenzas erróneas e nocivas para a saúde. Unha delas é pensar que as ITS pasan soas. Ao non presentar unha sintomatoloxía inicial que se poida percibir existe o pensamento de que non é necesario un tratamento. Non é así. Se ves que houbo risco de contaxio, acude ao médico.
Realidade: As ITS precisan un diagnóstico e un tratamento temperá para previr complicacións.
A maioría das infeccións, tratadas adecuadamente non teñen complicacións e teñen cura. PERO, se non se tratan poden producir graves consecuencias. Non o deixes pasar, as ITS non pasan soas.
Para algunhas delas, como o caso do VIH, para o que dispoñemos de tratamentos que permiten a cronicidade da infección e acadar unha esperanza de vida próxima á da poboación xeral, aínda non existe cura e implica un tratamento de por vida. Evita contraer o VIH e outras ITS usando condón.
Mito: Se xa padeciches unha ITS, non podes volver a contaxiarte.
Moitas ITS pódense contraer máis dunha vez xa que non xeran inmunidade. A maioría teñen tratamento curativo pero unha vez curada podes volver a contaxiarte se mantés practicas sexuais de risco.
Realidade: Podes volver a padecela se non usas preservativo.
O uso do preservativo axuda a previr o contaxio da maioría das ITS. Sabendo que a podes volver padecer, non arrisques, usa condón e prevén infeccións.
Mito: Non se ten que esperar a estar curado para manter relacións sexuais.
Hasta que finalices o tratamento non manteñas relacións sexuais porque aínda poderías transmitila. Espera, non custa nada.
Realidade: Débese esperar a rematar o tratamento para desfrutar do sexo.
Tanto para reducir o risco de transmisión como para desfrutar do sexo sen preocupacións, practica sexo seguro, espera a estar curado e comunícate coa túa parella!
Mito: Podes evitar as ITS a través do sexo oral ou anal.
A maioría das ITS pódense transmitir tamén por sexo oral e anal. Esas prácticas evitan os embarazos non desexados pero non impiden contraer ITS. Algunhas ITS que producen lesións non dolorosas como pode ser a sífilis ou o virus do papiloma humano VPH poden ser difíciles de diagnosticar na cavidade orofarínxea ou no ano.
Realidade: As ITS pódense contraer a través de sexo oral, vaxinal, anal ou outro tipo de contactos sexuais.
Se non sabes que facer nestes casos para previr, non te preocupes. Usa o condón para o sexo oral e anal, existen preservativos con sabores para estes casos e para permitir desfrutar das relacións con precaución e seguridade. Para o contacto boca-vulva, pódese empregar unha lámina de látex de uso sexual (tamén as hai con sabores) ou fai unha cun preservativo aberto que cubra os xenitais femininos e evite o contacto da boca coas secrecións vaxinais.
A cantidade de información parcial ou falsa que se pode atopar provoca que existan crenzas e mitos que calan na sociedade e se perpetúan. Esta situación provoca un risco para a saúde individual e colectiva. O coñecemento do propio corpo e dos ricos dos nosos actos son imprescindibles, do mesmo xeito que é un motivo para estar orgullosos e non sentir vergoña. Preguntar, cuestionarse e informarse en fontes oficiais é un punto forte que che será recompensado. Participa con nós e coméntanos as túas dúbidas. O sexo é para desfrutar, canto máis saibas, mellor!