Sabías que a clamidiase é unha das infeccións de transmisión sexual máis común? Sen embargo, a maioría das persoas con clamidiase non teñen síntomas e iso dificulta o diagnóstico. Pódese tratar con antibióticos, pero sen o tratamento adecuado pode ter graves consecuencias para a saúde. Descubre máis sobre esta #ITS.
Que é a clamidiase?
É unha infección de transmisión sexual causada pola bacteria Chlamydia trachomatis.
Como se contrae a infección?
A través de relacións sexuais desprotexidas (sen preservativo) cunha persoa que teña a infección, a través de sexo anal, vaxinal ou oral.
Cales son os seus síntomas?
Máis do 70% das mulleres e o 50% dos homes non teñen síntomas. Cando aparecen son:
Nas mulleres:
- Cambio na cor ou cantidade do fluxo vaxinal
- Sensación de proído ao ouriñar
- Sangrado entre regras ou regras máis abundantes
- Dor ou malestar na parte inferior do abdome
Nos homes:
- Sensación de proído ao ouriñar
- Secreción no meato urinario (entrada da uretra)
- Dor nos testículos
Como se diagnostica?
Se mantiveches relacións sexuais desprotexidas ou tes síntomas que che fan sospeitar, cómpre que acudas ao teu médico/a de cabeceira. Precísase unha mostra da zona xenital para realizar o diagnóstico e unha mostra de ouriños.
Se tes infección por clamidia tamén debes realizar probas para detectar outras infeccións de transmisión sexual, xa que poderías ter máis dunha infección á vez.
É importante que recibas o tratamento específico porque se a clamidiase non se trata correctamente pode derivar en problemas de saúde a longo prazo, como enfermidade inflamatoria pélvica ou infección nos testículos.
Como se pode previr?
Empregando correctamente o preservativo en todas as túas relacións sexuais. Se che diagnosticaron clamidiase avisa ás túas parellas sexuais para que acodan á consulta do seu médico/a.
Como se trata?
O médico/a receitarache antibióticos específicos. NUNCA te automediques.