Recentemente, na serie de Televisión Española “Cuéntame cómo pasó”, que xa se atopa narrando o que aconteceu no ano 1992, saltaba a historia de que un dos personaxes da serie tiña sida. Isto provocou unha reacción de moitísima preocupación nas persoas que tiveran contacto con ese personaxe.
Esta serie volveu a levarnos a unha época na que comezou a falarse bruscamente deste virus, que ata daquela era descoñecido. Na década dos 80 e ata mediados dos 90, os casos de personaxes famosos como Rock Hudson, Magic Johnson ou Freddie Mercury provocaron un medo na sociedade que pode que se perdera hoxe en día.
Nos últimos anos, tamén noutra das series que triunfa entre a mocidade, Élite, de Netflix, comezouse a falar desta enfermidade ao coñecerse que a protagonista se contaxiara e puido contaxiar tamén a unha parella.
Pero, como mudou a percepción da sida nestes trinta anos?
Por unha parte, si que temos unha mellor percepción de que a sida non é a fin do mundo. Desde o diagnóstico dos primeiros casos en 1981 ata a metade dos 90, cando se descubriron os fármacos antirretrovirais de gran actividade, había a crenza de que contraer o VIH era equivalente a dar por rematada a túa vida.
Pero hoxe en día, contraer o VIH non significa iso nin moito menos. Actualmente sabemos que se pode convivir perfectamente con esta enfermidade e facer unha vida cotiá normal xa que existen tratamentos contra o VIH que melloran a calidade de vida e reducen a carga viral ou incluso poden chegar a evitar que se contaxie.
Pola contra, e por desgraza, existe na adolescencia unha relaxación das medidas que serven para evitar contraer o VIH, ben por descoñecemento das enfermidades ou por exceso de confianza. O máis efectivo é sempre o uso do preservativo, pero este uso diminuíu nos últimos anos. Así, hai datos actuais que indican que só a metade dos adolescentes utilizan o condón nas súas relacións sexuais.
Da forma que sexa, entre todos temos que lograr atopar a maneira de non relaxar as medidas para evitar a transmisión deste virus.