Segundo as estatísticas mundiais de ONUSIDA, 37 millóns de persoas conviven co VIH en todo o mundo. Pero aínda que normalmente a xente lle chame VIH á SIDA e viceversa, non é exactamente o mesmo. De feito, coñecer en que se diferencian pode axudar a coñecer como de avanzada está a enfermidade e o prognóstico do tratamento da mesma.
O VIH é o virus de inmunodeficiencia humana e como o seu nome indica, ataca ao sistema inmunitario das persoas, concretamente, invade aos linfocitos CD4 que se encargan de defender o noso corpo das enfermidades. O VIH diminúe o número de linfocitos CD4 do noso corpo e afecta ao seu funcionamento polo que as persoas afectadas teñen máis probabilidades de enfermar.
A infección polo VIH non ten cura pero si medicación que consegue reducir a carga viral e o seu impacto na nosa saúde. Para lograr a máxima eficacia do tratamento antirretroviral, é importante que se diagnostique o antes posible a infección.
A infección polo VIH adoita ser inicialmente asintomática polo que pode pasar tempo dende que te contaxias ata a aparición de dos síntomas.
Por iso é tan importante facerse a proba se tivemos relacións sexuais de risco. O diagnóstico precoz mellora o prognóstico da persoa infectada.
A diferencia entre a SIDA e o VIH; é que a SIDA é a enfermidade que o virus VIH pode chegar a desenvolver na súa estadía final de grave inmunodepresión. Na evolución da infección polo do VIH hai varias fases, a SIDA aparece na última que é a máis grave. Caracterízase porque o organismo non é capaz de combater patóxenos que habitualmente non nos ocasionarían enfermidade. Nesta perda das defensas poden aparecer outras infeccións ou cancros que nos afecten gravemente.
Non todas as persoas portadoras de VIH desenvolven a SIDA xa que tomando o tratamento axeitado, pódese manter estable e evitar que alcance a última fase.
Recordamos que se contaxia o VIH ao manter relacións sexuais sen protección, compartir obxectos que entren en contacto co sangue e no caso dos bebés, durante o embarazo, parto ou lactación.
Cóidate. Se tes algunha dúbida podes remitir as túas consultas na nosa web ou pedir cita no teu Centro de Saúde.