O 1 de decembro de cada ano conmemoramos a todas as vítimas da SIDA, apoiamos a aquelas persoas que conviven co VIH e loitamos contra o estigma que lle rodea. Por iso, hoxe lembramos os máis de 40 anos desde que se coñece mundialmente.
Cando se orixinou a SIDA?
Un grupo de investigadores da Universidade de Oxford realizou un estudo sobre a súa orixe africana, xa que os primates desenvolven un virus similar ao VIH, chamado SIV (virus de inmunodeficiencia en simios). Os científicos consideran que a enfermidade chegou aos seres humanos a través de chimpancés salvaxes que viven en África central, pero segue sendo unha incógnita como puido a enfermidade cruzar a barreira das especies. A teoría máis estendida é a de que se contraeu a partir de persoas que cazaron ou comeron chimpancés infectados. Os investigadores sitúan a orixe do virus en humanos ao redor de 1920-1930 baseándose en cálculos científicos sobre o tempo que tardarían as distintas cepas do VIH en evolucionar.
A SIDA como pandemia
Os primeiros casos de SIDA detectáronse en 1981 en Nova York e California cando médicos estadounidenses empezaron a observar que había grupos de pacientes con enfermidades moi pouco comúns, aínda que non foi bautizado como SIDA ata un ano máis tarde (AIDS en inglés).
Foi o 5 de xuño de 1981 cando a organización estadounidense de vixilancia e prevención de enfermidades (CDC) informou sobre unha forma rara de pneumonía entre mozos homosexuais de California. Trátase da primeira alerta sobre a sida, aínda que nese momento a enfermidade carecía de nome.
O CDC reportou posteriormente as mesmas «infeccións oportunistas» entre consumidores de drogas inxectables (finais de 1981) e hemofílicos que recibían transfusións de sangue (mediados de 1982).
Estas persoas padecían enfermidades como o sarcoma de Kaposi, un tipo raro de cancro de pel, así como un tipo de infección pulmonar por fungos (pneumonía por Pneumocystis jirovecci).
O primeiro caso de sida en España diagnosticouse en outubro de 1981, hai 41 anos, no Hospital Vall d’Hebron de Barcelona. En Galicia, o primeiro caso de sida diagnosticouse en 1984 a un paciente, usuario de drogas inxectadas, da área sanitaria do Salnés.
O 20 de maio de 1983 publicouse un artigo do equipo do Instituto Pasteur de París dirixido por Françoise Barré-Sinoussi, Jean-Claude Chermann e Luc Montagnier que anunciaba o descubrimento do virus lymphadenopathy-associated (LAV), vinculado aos casos de inmunodeficiencia reportados desde 1981 e nomeados como Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida (SIDA). O 23 de abril de 1984, Estados Unidos anunciou que Robert Gallo achara a «causa probable» da SIDA, cun retrovirus bautizado como HTLV-III. LAV e HTLV-III son en realidade o mesmo virus, que en 1986 foi bautizado como VIH, Virus de Inmunodeficiencia Humana.
En 2008, a Françoise Barré-Sinoussi e Luc Montagnier foille outorgado o Premio Nobel de Medicina polo descubrimento do VIH.
A sida desencadéase a partir do VIH que se transmite mediante o contacto directo de mucosas e fluídos corporais cunha persoa portadora da infección sen diagnosticar; e polo tanto sen tratamento que manteña controlada a súa carga viral. As persoas infectadas, a tratamento antirretroviral que manteñen a súa carga viral indetectable, hoxe en día, xa non transmiten a infección ás súas parellas sexuais.
A principal vía de transmisión do VIH son polo tanto as relacións sexuais sen protección con persoas infectadas que non están a tratamento antirretroviral efectivo.
O VIH ataca a un tipo de glóbulo branco chamado CD4. O virus utiliza ao CD4 para realizar a súa replicación, e nese proceso produce a destrución destas células defensivas, dando lugar a diminución do número delas o que ocasiona a diminución da inmunidade que nos protexe doutras infeccións e algunhos cancros. Por eso a sida, vai caracterizarse pola aparición de infeccións oportunistas, que cun estado normal de inmunidade CD4 non serían capaces de producir enfermidade.
A loita contra a SIDA
A primeira reacción ante a pandemia, ante a falta de tratamento nin vacina, foi fortalecer as medidas de prevención para evitar a transmisión.
Creouse un amplo movemento social de defensa das persoas afectadas para evitar a súa discriminación e estigma así como defender os seus dereitos. Este movemento colaborou eficazmente coas autoridades sanitarias na divulgación dos mecanismos de transmisión do VIH e o modo de previr a infección.
No movemento social antisida, a nivel internacional, destacou o activista LGTBI, de orixe coruñés, Tomás Fábregas Boudín. Faleceu de sida en 1994 en Oakland (California). Tivo un papel destacado, en defensa dos dereitos das persoas afectadas, na Conferencia internacional da SIDA de 1992 en Amsterdam; na que contou co apoio da actriz Liz Taylor.
O 20 de marzo de 1987 presentouse o AZT, a primeira droga antirretroviral. Este fármaco apenas tivo efecto sobre a mortalidade e ademais tiña moitos efectos adversos. Os anos 1995 e 1996 marcaron a aparición de novas clases de medicamentos que inician o control do VIH diminuíndo a mortalidade dun modo moi importante. A infección polo VIH entra nunha nova etapa a de pacientes vivindo coa infección de maneira crónica. Este primeiros fármacos de gran actividade fronte ao VIH son a Lamivudina un fármaco inhibidor da transcrición inversa do virus no CD4 e o Saquinavir e Ritonavir dous inhibidores da proteasa que tamén van a dificultar a multiplicación do VIH no CD4. A estes fármacos, seguiranos moitos máis con máis eficacia e menos efectos secundarios. A día de hoxe, os novos fármacos teñen unha elevada eficacia e apenas teñen efectos secundarios. Os novos fármacos melloran a calidade e prognóstico de vida e ademais impiden que a persoa a tratamento transmita a infección as súas parellas sexuais.
En 1996 creouse o Programa Conxunto de Nacións Unidas sobre a Sida (ONUSIDA). Desde entón, liderou e inspirou a innovación e a colaboración a nivel mundial, nacional e local para dar resposta ao VIH/sida. ONUSIDA asina no ano 2000 un acordo con cinco grandes laboratorios para distribuír tratamentos a prezos accesibles nos países pobres, e en novembro de 2001 asínase un compromiso para permitir aos países en desenvolvemento fabricar medicamentos xenéricos.
ONUSIDA afirmou que en 2017 a metade das persoas que padecían SIDA estaban a ser tratadas.
En 2002 a FDA aprobou o uso dos test rápidos, que ofrecen resultados co 99,6% de exactitude en tan só 20 minutos.
En 2007 levaron a cabo os primeiros ensaios de Profilaxes Pre Exposición (PrEP) para reducir o risco de adquisición do VIH entre persoas que estiveron expostas ao virus. O 16 de xullo de 2012 autorizouse nos Estados Unidos o primeiro tratamento preventivo, o antirretroviral Truvada. En Europa, a Axencia Europea dos Medicamentos(EMA), aprobou o uso da PrEP en xullo de 2016. En España empezouse a administrar gratuitamente en 2019 ás persoas máis vulnerables que o demandan e cumpren criterios para recibir esta medicación preventiva.
Ata o de agora estimase, que o VIH infectou a máis de 82 millóns de persoas e a SIDA matou a uns 40 millóns de persoas en todo o mundo; e deixou orfos a 12 millóns de nenos e nenas só en África.
Apoiándose na elevada eficacia dos novos tratamentos antirretrovirais para impedir a transmisión e controlar a infección polo VIH; ONUSIDA lanza o reto de acabar coa sida no ano 2030.