Oíches falar algunha vez da gonorrea? Hoxe no blog contámosvos máis detalles sobre esta infección de transmisión sexual, que síntomas da e como previla. Sigue lendo!
Que é a gonorrea?
A gonorrea é unha infección de transmisión sexual (ITS) causada por unha bacteria chamada Neisseria Gonorrhoeae (ou gonococo).
Como se contrae a infección?
A través de relación sexuais desprotexidas (sen preservativo) cunha persoa que teña a infección, a través de sexo anal, vaxinal ou oral.
Cales son os seus síntomas?
Máis da metade das mulleres e o 10% dos homes non presentan síntomas. Cando se presentan síntomas, os máis comúns son:
Nas mulleres:
- Cambio no olor ou cantidade do fluxo vaxinal
- Sangrado entre regras ou regras máis abundantes
- Sensación de proído ao ouriñar
- Dor ou malestar na parte inferior do abdome
Nos homes:
- Sensación de proído ao ouriñar
- Secreción no meato urinario (entrada da uretra)
- Dor nos testículos
Como se diagnostica?
Se mantiveches relacións sexuais desprotexidas ou tes síntomas que che fan sospeitar, cómpre que acudas ao teu médico de cabeceira. Entre as probas diagnósticas pode solicitar unha mostra da zona xenital, farínxea ou anal (dependendo da práctica sexual) e/ou unha mostra de ouriños.
É importante que recibas o tratamento específico porque se a gonorrea non se trata correctamente, pode derivar en problemas de saúde a longo prazo, como enfermidade inflamatoria pélvica ou infertilidade.
Como se pode previr?
Empregando correctamente o preservativo en todas as túas relacións sexuais. Se che diagnosticaron de gonococia avisa ás túas parellas sexuais para que acodan ao seu médico.
Como se trata?
NUNCA te automediques. Na actualidade existen gonococos resistentes a algúns antibióticos e polo tanto é preciso recibir un tratamento específico.