O 28 de xullo conmemórase o Día Mundial Contra a Hepatite B, unha infección que pode cronificarse. Unha das súas principais vías de contaxio seguen a ser as relacións sexuais desprotexidas. Segue lendo!
Que é?
A hepatite B é unha enfermidade do fígado causada polo virus da hepatite B (VHB). Se non se detecta a tempo, pode acabar derivando nunha enfermidade que pode chegar a requirir hospitalización. A hepatite B crónica pode causar problemas de saúde graves, entre os que destacan, o dano hepático, a insuficiencia hepática ou o cancro de fígado.
Como se contrae a infección?
A hepatite B transmítese cando o sangue, o seme ou outro líquido corporal dunha persoa que está infectada polo virus ingresa no corpo doutra persoa que non o está. Isto pode ocorrer a través do contacto sexual cunha persoa infectada, por compartir agullas, xiringas ou outro material corto-punzante. Unha nai tamén pode infectar ao seu fillo/a durante o embarazo, parto ou lactación (aínda que nese último caso o risco é baixo).
Cales son os seus síntomas?
Moitas persoas con hepatite B no presentan ningún síntoma e tampouco saben que están infectadas. Se se presentan síntomas coa infección aguda, adoitan aparecer varias semanas despois da exposición e pode chegar a durar entre 2 e 12 semanas. Pode darse o caso de que alguén viva infectado pola hepatite B crónica durante décadas sen ter ningún síntoma nin sentirse mal. Se polo contrario aparecen síntomas, poden incluír: ictericia, febre, cansanzo, perda do apetito, náuseas, vómito, dor abdominal, ouriños escuros, feces grisáceas ou dor nas articulacións.
Como se diagnostica?
Dado que é habitual non presentar síntomas, a única forma de saber se estás infectado/a polo virus da hepatite B é realizando unha proba de sangue específica. Se mantiveches relación sexuais desprotexidas ou tes síntomas que che fan sospeitar, acude ao teu médico/a de cabeceira.
Como se prevén? Pode tratarse?
Aínda que non existe un tratamento curativo específico, hai unha vacina eficaz que na Comunidade Autónoma de Galicia está no calendario vacinal infantil dende o ano 1994. Os homes que teñen sexo con homes, as persoas con varias parellas e as persoas que exercen a prostitución, ou que son clientes de prostitución, poden consultar co seu médico/a de cabeceira a indicación da vacina de hepatite B se non están vacinadas.
Fai uso do preservativo sempre que manteñas relacións sexuais.
Se che diagnostican hepatite B, é fundamental que avises ás túas parellas sexuais para que poidan realizar as probas diagnósticas.