O virus do herpes simple ocasiona unha infección que evoluciona por brotes; ten a capacidade de quedar latente no organismo durante anos sen xerar síntomas e reactivarse en determinados períodos. Descubre máis neste artigo!
Que é?
O virus do herpes simple (VHS) é unha infección de pel e mucosas que ten dúas variantes: o VHS 1 e o VHS 2. O VHS tipo 2 é unha infección de transmisión sexual (ITS) e as súas lesións teñen habitualmente localización na área xenital. O VHS tipo 1 é unha infección por contacto que adoita localizarse nos beizos, boca e cara.
Polas prácticas de sexo oral pódense atopar infeccións de transmisión sexual por VHS 1 en áreas xenitais e infeccións en beizos, boca e cara por VHS 2.
Arredor dun 80% dos herpes xenitais son VHS 2 e o 20% restante son VHS 1.
Como se contrae a infección?
A través do contacto coas lesións ou as súas secrecións durante as relacións sexuais desprotexidas cunha persoa que teña un brote primario ou de reactivación da infección, mesmo en períodos de brotes de reactivación asintomáticos.
Unha nai infectada tamén lle pode transmitir a infección ao bebé polo contacto coas lesións no canal do parto. A infección do bebé pode resultar extremadamente grave.
Cales son os seus síntomas?
As lesións típicas da infección polos virus VHS 1 e VHS 2 son vesículas que se acaban ulcerando en poucos días. Son lesións ardentes moi dolorosas, especialmente cando se trata da infección primaria e do tipo VHS 2.
As lesións ocasionadas polas reactivacións son menos dolorosas. Tamén son menos dolorosas as lesións do VHS 1.
Asemade, tamén poden existir infeccións primarias e reactivacións por VHS 1 e VHS 2 que son asintomáticas.
Especialmente na infección primaria pode haber ás veces síntomas de carácter xeral similares aos dunha gripe, como febre, cansazo, dores musculares, etc.
Os portadores de VHS 1 e 2 pode sufrir brotes esporádicos de xeito recorrente.
Como se diagnostica?
Se mantiveches relacións sexuais desprotexidas ou tes lesións con vesículas ou úlceras dolorosas que che fan sospeitar, cómpre que acudas ao teu médico/a de cabeceira. Precisarase unha exploración física e unha proba de laboratorio para realizar o diagnóstico.
As localizacións máis frecuentes son nos xenitais externos e na súa contorna pero tamén en boca ou ano. As lesións poden non ser visibles en uretra, ano ou gorxa e ocasionar dor e/ou secrecións e sangrado nesas áreas (dor ao ouriñar, dor ao defecar, dor ao tragar).
Como se trata?
O herpes xenital non ten cura. O tratamento con antivirais diminúe os síntomas e o número de abrochos. Tamén contribúen a diminuír a transmisibilidade do virus.
Como se pode previr?
É fundamental non manter relacións sexuais durante o brote de lesións herpéticas. Algunhas persoas poden identificar os brotes de reactivación pola sensación de dor ardente antes de que aparezan as vesículas. Empregar sempre o preservativo nas relacións sexuais vai conferir un alto grado de protección.
Os medicamentos antivirais acortan o brote e diminúen a transmisibilidade.
Se che diagnostican herpes xenital, é fundamental que avises ás túas parellas sexuais para que poidan realizar as probas oportunas.