O saber non ocupa lugar, sobre todo cando se trata de saber sobre saúde.
Cantas dúbidas tes sobre as infeccións de transmisión sexual (ITS)? Cantas veces buscas na Internet os síntomas dalgunha infección? É normal. Temos dúbidas e precisamos aclaralas.
Se che preguntan cantas ITS existen seguro que saber dicir algunha, pero a realidade é que son moitas máis das que pensas. Ademais, a incidencia está a medrar nos últimos anos. Falta de información? Descoñecemento? Relaxación nos hábitos de prevención? Os motivos poden ser moitos, pero a realidade é que a información é fundamental para que todos e todas sexamos conscientes da importancia de protexernos e protexer aos demais das ITS.
Estas infeccións están causadas por axentes como virus, bacterias e fungos e poden provocar desde síntomas leves ata graves e, mesmo a morte, se non se detectan e tratan a tempo. A prevención é a ferramenta máis eficaz para loitar contra as ITS por iso non nos cansamos de repetir a importancia de usar preservativo e outros métodos de prevención nas relacións sexuais.
Cando falamos de ITS non sempre hai que fiarse do que nos contan ou do que lemos na Internet. É importante buscar en fontes autorizadas, que nos acheguen información verídica e fiable. Lembra que estamos a falar de saúde sexual!
Por iso queremos compartir unha lista dalgúns dos libros de referencia en materia de ITS, porque nunca está de máis saber onde podemos consultar con confianza. Nestes libros atoparás información completa, obxectiva e real sobre as ITS. Bótalle un ollo e se quedas con dúbidas lembra que podes consultarnos de maneira anónima e confidencial a través deste enlace: http://www.itsinvaders.com/consulta/
ETS Enfermedades de Transmisión Sexual – Handsfield
Un libro de máis de 200 páxinas con información completa sobre as principais ITS a toda cor e con moitas fotografías, que axudan a ter unha visión real dos efectos que causan nas persoas enfermas.
¿Qué es el VIH? Historia, presente y futuro de una pandemia – Eduardo López-Collazo
Foi unha das grandes pandemias do noso mundo. A través destas páxinas entendemos que é o VIH e cando se transforma en SIDA, así como os métodos para previr a infección e os retos de futuro ante esta enfermidade.
Enfermedades de Transmisión Sexual – Virendra N. Sehgal
Con este libro poderán coñecer as ITS, a súa distribución mundial, os síntomas e os principais tratamentos. Información técnica e obxectiva para ser conscientes da importancia da protección sexual.
Documento de consenso sobre diagnóstico y tratamiento de las infecciones de transmisión sexual en adultos, niños y adolescentes – Ministerio de Sanidade
Nesta guía, elaborada por un grupo de expertos, faise unha análise da situación actual das infeccións de transmisión sexual e está dispoñible para consultar online na seguinte ligazón.