Linfogranuloma QUE? É unha ITS que afecta sobre todo aos homes. Descubre máis!
Que é?
É unha infección de transmisión sexual (ITS) causada pola bacteria Chlamydia Trachomatis variedades L1, L2 ou L3. A infección está presente en países tropicais e nos últimos anos reapareceu en Europa.
Como se contrae a infección?
A través de relacións sexuais desprotexidas cunha persoa que teña a infección, ben sexa sexo anal, vaxinal ou máis raramente sexo oral. Tamén se teñen descrito infeccións por compartir xoguetes sexuais sen desinfectar.
A maioría dos casos de LGV en Europa obsérvanse en homes que teñen sexo con outros homes (HSH).
Cales son os seus síntomas?
O LGV adoita ser asintomático. Cando existen síntomas, os máis frecuentes son dor no recto, deposicións con sangue ou sangrado rectal e estrinximento ou sensación de non poder vaciar o intestino.
Tamén pode aparecer unha pequena úlcera na zona rectal ou vulvar, que pode desaparecer nuns días, e/ou secreción rectal ou polo pene.
De 2 a 6 semanas despois adoita aparecer inflamación dos ganglios inguinais e formación de abscesos con secreción de pus. Pode existir dor abdominal ou lumbar. Ao mesmo tempo a persoa pode notar malestar xeral, como calafríos, febre, dor muscular ou en articulacións.
Como se diagnostica?
Se mantiveches relacións sexuais desprotexidas ou tes síntomas que che fan sospeitar, cómpre que acudas ao teu médico/a de cabeceira.
Precisarase unha mostra da zona anal/rectal ou vaxinal da úlcera ou dos ganglios para realizar o diagnóstico.
Como se pode previr?
Emprega sempre o preservativo nas túas relacións sexuais. Se che diagnostican LGV, é fundamental que avises ás túas parellas sexuais para que poidan realizar as probas oportunas.
Como se trata?
O médico/a receitarache o tratamento antibiótico curativo específico para esta infección. É fundamental a detección precoz. A longo prazo o LGV pode ocasionar inflamación grave da rexión xenital ou rectal coa formación de úlceras que causan dor e problemas intestinais.