O Mycoplasma genitalium é unha pequena bacteria que foi descuberta en 1980 e que causa infeccións de transmisión sexual (ITS). A súa transmisión ocorre a través do contacto directo das mucosas.
A infección por Mycoplasma genitalium contribúe ao 10-35% da uretrite non gonocócica non clamidial en homes. Nas mulleres, M. genitalium asóciase con infección do colo de útero e enfermidade pélvica inflamatoria (EIP) nun 10 a 25 %.
Pero que é a uretrite non gonocócica non clamidial? Unha inflamación da uretra (o conduto por onde circula a urina desde a vexiga ata o exterior), ocasionada por algún axente infeccioso que non sexa o gonococo nin a Clamydia. A uretrite causada polo Mycoplasma genitalium pode ser asintomática. Pero si están presentes, os síntomas típicos son: disuria (dor ao ouriñar), proído uretral e secreción uretral purulenta ou mucopurulenta.
Nas mulleres produce sobre todo infección do colo de útero, que pode ser asintomática. Cando están presentes, os síntomas inclúen: alteración do fluxo vaxinal, picazón vaxinal, disuria (dor ao ouriñar), e malestar pélvico.
Se non se trata correctamente, esta bacteria pode ascender desde o colo do útero e dar lugar á coñecida como enfermidade inflamatoria pélvica, unha inflamación nas trompas, ovarios, endometrio ou peritoneo que pode chegar a provocar casos graves e mesmo infertilidade.
Esta infección non é fácil de diagnosticar, os seus síntomas non son distinguibles das uretritis ou cervicitis producidas por outras bacterias de transmisión sexual, .As probas de laboratorio permiten facer o seu diagnóstico mediante probas de amplificación de ácidos nucleicos (PCR) .
Adoita responder ben aos antibióticos máis utilizados para este tipo de cadros, como son a azitromicina, o moxifloxacino, a doxiciclina, que serán pautados polo persoal médico seguindo criterios clínicos. Por desgraza, cada vez aparecen máis resistencias aos antibióticos.
É frecuente que o micoplasma xenital se asocie a outras infeccións de transmisión sexual. Usar SEMPRE e CORRECTAMENTE o preservativo cada vez que se teñan relacións sexuais é a mellor forma de evitar esta infección e outras de transmisión sexual.