Din que o amor é cego… pero non o sexas ti tamén!
Hoxe, 1 de decembro, conmemórase o Día Mundial do VIH/Sida e como todos os anos dende Sex Invaders sumámonos cunha campaña especial para lembrarvos a importancia da detección precoz.
Sabías que 1 cada 7 persoas que teñen o VIH non o sabe? Está demostrado que acceder canto antes aos tratamentos antirretrovirais frea dun xeito moi importante a evolución da infección, mellora a calidade de vida e aumenta a esperanza de vida. Ademais, redúcese o risco de seguir transmitindo o VIH a outras persoas. Saber é sempre mellor que non saber, non vos parece?
Se mantiveches relacións sexuais desprotexidas fai as probas rápidas de VIH en fluído oral, anónimas e gratuítas, que podes realizar na rede de Centros Quérote Máis de Galicia ou en diferentes entidades que colaboran coa Consellería de Sanidade no desenvolvemento do Programa de Diagnóstico Precoz do VIH en Galicia.
E, por suposto, usa sempre condón!