A diferenza do que moitos cren, o preservativo non serve só para evitar ter embarazos non desexados. Serve para moito máis ca iso.
Existen varios métodos anticonceptivos eficaces. Hainos de longa duración coma os DIU, os hormonais como as pílulas ou os de barreira coma preservativos. Todos estes son altamente efectivos para evitar embarazos non desexados, pero só os de barreira nos ofrecen unha seguridade case total para non contraer tamén Infeccións de Transmisión Sexual.
Os datos proban que o preservativo é o método máis eficaz, tanto en homes coma en mulleres. Se ben, coma todo, non é perfecto. O condón serve para frear a transmisión do VIH e doutras infeccións de transmisión sexual, pero un mal uso pode provocar non só un embarazo non desexado, senón tamén a transmisión dunha ITS. De todas formas é a barreira máis eficaz que se coñece para evitar estas infeccións.
Pero, como dicimos, é fundamental o uso correcto do preservativo. Isto quere dicir que é preciso colocalo ben, para que non rompa, así como poñelo e retiralo no momento adecuado. Colocalo sempre antes iniciar a penetración e retiralo despois de exacular antes de perder a erección, para retiralo débese suxeitar pola base para evitar que se poida deslizar e o vertido de seme e o contacto de mucosas e fluídos sexuais. Tamén é necesario ter coidado á hora de abrir o envoltorio, evitando facelo cos dentes ou con tesoiras, ou que o condón roce xoias ou uñas que poidan producir a súa rotura ou perforación.
Polo tanto, lembra sempre que o condón serve non só para evitar un embarazo non desexado, senón que tamén che evitará outros problemas que poden acabar sendo moito máis graves.