Que é o VIH?
É un virus que infecta ás persoas danando as células do sistema inmune, producindo un deterioro das súas funcións de loita contra as infeccións.
Tralo contaxio, a infección adoita pasar desapercibida. Os primeiros síntomas da infección son inespecíficos e o máis frecuente é un cadro seudogripal.
Se a persoa infectada non recibe tratamento, ao cabo de varios anos prodúcese a Sida.
A Sida caracterízase pola aparición de infeccións oportunistas graves, debidas ao severo deterioro do sistema inmunitario da persoa.
Como se transmite a infección?
O VIH pódese transmitir mediante relacións sexuais sen protección cunha persoa infectada, por compartir agullas ou xiringas dunha persoa infectada, por lesións producidas por obxectos contaminados e por transfusión de sangue contaminada. Tamén se pode transmitir da nai ao fillo durante durante o embarazo, parto ou lactación.
As relacións sexuais sen protección que conlevan un maior risco son as anais, seguidas das vaxinais, sendo o sexo oral o de menor risco. O risco aumenta coa exaculación.
En Galicia, na actualidade, as relacións sexuais son a principal vía das novas infeccións.
Cal é o tratamento?
Hoxe en día non hai un tratamento curativo da infección, pero si paliativo e moi eficaz.
O tratamento faise con diversos fármacos antirretrovíricos que dificultan e diminúen a reprodución do virus no organismo, co fin de frear a evolución da enfermidade, alargando a supervivencia e calidade de vida das persoas infectadas, e converténdoa nunha enfermidade crónica.
Como podo saber se estou infectado/a?
Mediante unha análise de sangue feita por un laboratorio.
Tamén hai unhas análises rápidas que se poden facer fóra do laboratorio, pero que, de dar positivo, precisan da confirmación mediante a análise do laboratorio.
Por que é importante saber se estou infectado/a?
Canto antes se instaure o tratamento, antes se vai conter a evolución da enfermidade e mellor será a calidade de vida e a supervivencia da persoa infectada.
En canto saiba que está infectada pode tomar precaucións para non transmitir a infección a outros.
Como me protexo?
A utilización correcta do preservativo adecuado ao tipo de relación sexual é un método moi eficaz para previr a infección.
Non existe vacina que nos poida protexer.