VPH
Que é o VPH?

Hai máis de 40 serotipos de virus do papiloma humano (VPH) responsables de infeccións de transmisión sexual (ITS) en humanos, dos cales, uns están relacionados coas verrugas anoxenitais (condilomas) e outros, uns 18, poden provocar cancro.

Actualmente a gran maioría dos cancros de colo de útero son producidos polo VPH. Este virus tamén é responsable, aínda que menos frecuentemente,  de certos cancros en ano, vulva, vaxina, pene, cabeza e pescozo.

  • A nivel mundial, os serotipos de VPH 16 e 18 son os responsables do 70% dos cancros de colo de útero.
  • Os serotipos de VPH 6 e 11 son os responsables do 90% das verrugas anoxenitais.

Como se transmite o VPH?

A infección polo VPH é unha das infeccións de transmisión sexual (ITS) máis frecuentes. A maioría dos homes e mulleres  sexualmente activos son infectados nalgún momento da súa vida. Transmítese polo contacto pel a pel cunha persoa infectada, case exclusivamente durante as relacións sexuais. As infeccións prodúcense principalmente durante a mocidade.

Normalmente as persoas infectadas non teñen síntomas, podendo persistir a infección durante meses ou anos,  desaparecendo soa habitualmente.

Cales son os síntomas e o seu tratamento?

A infección persistente polos serotipos oncoxénicos do VPH pode manifestarse con lesións precancerosas  ou cancro, sendo a máis frecuente a afectación do colo uterino. As lesións precancerosas leves poden desaparecer, as máis graves evolucionan frecuentemente a cancro.

Hoxe en día, non hai un tratamento farmacolóxico que cure a infección.  O tratamento das lesións precancerosas máis graves, incluído o carcinoma “in situ”, é cirúrxico e ten unha elevada taxa de curación.

 As verrugas tamén poden  desaparecer por si soas. Nos casos en que persisten e/ou causan molestias existen diferentes medios para eliminalas, aínda que poden reaparecer.

Prevención do VPH: vacinación

A nivel preventivo as vacinas son ferramentas de probada eficacia, efectividade e seguridade. Actualmente comercialízanse dous tipos de vacinas. Unha delas presenta na súa composición os serotipos de alto risco oncoxénico (16, 18).  A outra contén ademais os serotipos 6 e 11.

A efectividade das vacinas está en relación con se as persoas foron ou non foron xa infectadas. A efectividade da vacina diminúe coa idade, xa que a medida que unha persoa é mais vella ten moitas máis posibilidades de ter sufrido xa unha infección (a pesar de que non tivera síntomas).

Por iso a vacina é moi efectiva antes do inicio das relacións sexuais, vacinación que, ademais nestas idades, é custe-efectiva. Razón pola que a vacinación é financiada pola administración na maioría dos países que a teñen establecida nos seus calendarios vacinais.

O calendario vacinal da  comunidade autónoma de Galicia inclúe a vacinación fronte ao VPH das nenas de 12 anos de idade.

Protéxete

Como hai outros tipos de cancros xenitais, as mulleres, aínda que estean vacinadas de VPH, deben facer as revisión xinecolóxicas segundo os protocolos médicos.

Outras medidas de prevención son o  uso do preservativo nas relacións sexuais (e as láminas de látex no caso cunnilingus), aínda que estas medidas son menos efectivas para esta infección que para outras ITS.