Cada ano, o 1 de decembro, o mundo conmemora o Día Mundial da Sida.
Ese día, xente de todo o mundo únese para apoiar ás persoas que viven co VIH e lembrar aquelas que faleceron por enfermidades relacionadas con esta doenza.
ONUSIDA, a Axencia da Organización de Nacións Unidas para a SIDA, ten o lema este ano de “Poñer fin ás desigualdades. Poñer fin á sida. Poñer fin ás pandemias”.
En Galicia, tamén facemos campaña co lema “O diagnóstico e o tratamento precoz vence o VIH. Fai a proba”.
Establecido no ano 1988, este Día Mundial foi o primeiro dedicado á saúde en todo o mundo. Desde aquela, as institucións de todo o mundo e a sociedade civil reúnese para loitar en determinadas áreas relacionadas co VIH.
Nesta ocasión, ONUSIDA quere destacar a urxente necesidade de rematar coas desigualdades que impulsan a sida e outras pandemias en todo o mundo. A falta de acceso ao tratamento e a atención sanitaria que ocasionan as desigualdades fai que o mundo corra o risco de non acadar os obxectivos de rematar coa sida no ano 2030, tal e como se propón a ONU.
É por iso que o Día Mundial da Sida segue sendo tan importante hoxe en día como cando se empezou a celebrar hai 33 anos, e é preciso seguir lembrándolle á sociedade e ás institucións que o VIH aínda non desapareceu.
Para iso, é fundamental que a sociedade no seu conxunto tome conciencia de como o VIH afecta á vida das persoas para que deste modo poidamos poñer fin ao estigma e á discriminación, e así lograr mellorar a calidade de vida das persoas que viven con VIH.
Lembra, a mellor forma de combatelo é co diagnóstico e o tratamento precoz. Fai a proba!