Considerase práctica sexual de risco o mantemento de relacións sexuais vaxinais anais ou orais sen uso de protección (preservativo ou láminas de látex de uso sexual segundo o tipo de práctica sexual) cunha parella ocasional. O risco de contraer unha ITS aumenta segundo o número de parellas ocasionais.
O risco varia, de modo xeral, de maior a menor dependendo da práctica sexual desprotexida. Sendo maior no sexo anal, intermedio no sexo vaxinal e menor no sexo oral. Tamén é maior se hai exaculación en ano, vaxina e boca.
As mulleres en idade fértil e que non usan ningún método anticonceptivo; a primeira medida no caso de ter sexo vaxinal desprotexido sería a prevención do embarazo non desexado. A anticoncepción de emerxencia pode realizarse mediante a pílula do día despois facendo a toma o antes posible, xa que perde eficacia co paso do tempo. A partir do terceiro día xa non sería útil e recoméndase a colocación dun dispositivo intrauterino (DIU). A pílula do día despois véndese sen receita nas farmacias e tomada nas horas seguintes á práctica sexual ten unha eficacia anticonceptiva moi elevada para a prevención de embarazo para esa última práctica desprotexida.
Con relación á prevención de infeccións de transmisión sexual (ITS) teremos en conta varias cuestións:
– Procede acudir a un servizo de urxencia para valorar o inicio da profilaxe post exposición ao VIH o antes posible e sempre antes das 72 horas tras a exposición cando a práctica sexual de risco foi con: unha persoa que nos informa que é portador da infección polo VIH, persoas que se inxectan drogas, homes que teñen sexo con outros homes, persoas internas ou ex-internas en prisións, agresión sexual ou outra circunstancia que consideres de risco para o VIH.
– Pedir cita no médico/a de atención primaria se nos seguintes día ou semanas observamos síntomas como: molestias ao ouriñar, secrecións purulentas por uretra, vaxina, ano, boca ou gorxa, úlceras ou chagas dolorosas ou non dolorosas en órganos xenitais, ano ou boca. Febre ou febrícula ou ganglios inflamados.
– Se non temos ningún síntoma, pedir cita no médico/a de atención primaria aos tres meses da última practica sexual de risco para solicitar unha seroloxía de VIH, virus da hepatite C (especialmente se se tiveron prácticas sexuais anais), sífilis.
En mulleres tamén sería recomendable un estudio de clamidias e facer as revisións habituais periódicas de citoloxías no xinecólogo/a.
Revisar vacinación hepatite B homes e mulleres. En homes que teñen sexo con outros homes menores de 45 anos solicitar a vacina do virus do papiloma humano (VPH).
Para despreocuparte das ITS, vivir sen riscos e gozar das relacións sexuais: usa condón.