PREGUNTAS FRECUENTES

Son un problema as ITS?

Nos últimos anos, as infeccións de transmisión sexual como a sífilis e a gonococia están a aumentar porque tamén aumentaron as prácticas sexuais sen preservativo. O VIH, unha das ITS máis importantes, segue a ser hoxe en día un grave problema de saúde pública.

Que outros factores incrementan o risco de transmisión das ITS?

Entre outros atópanse a falta de información, o consumo de alcol e outras drogas, as relacións sexuais sen preservativo con parellas esporádicas ou o machismo e os roles de xénero.

Que signos e síntomas producen?

Ás veces, determinadas ITS non producen signos nin síntomas, como é o caso das infeccións por clamidia e tricomonas. Se producen síntomas, adoitan ser característicos de cada ITS. En liñas xerais, as ITS poden producir alteracións do fluxo vaxinal, das secrecións xenitais e uretrais, úlceras, verrugas, dor, escozos, proído, etc.

Se sospeito dunha posible infección de transmisión sexual, que debo facer?

Pide cita ao teu médico/a de cabeceira. O profesional decidirá se é preciso facer unha proba diagnóstica e o tratamento correspondente no caso de que se confirme a infección. É importante recibir tratamento canto antes xa que algunhas infeccións derivan en consecuencias máis graves se non se tratan a tempo.

No caso de que che diagnostiquen unha ITS avisa ás persoas coas que mantiveches relacións sexuais para que podan realizarse unha proba e seguir o tratamento se é preciso. Doutro xeito, poden infectar a outras persoas sen sabelo.

Vantaxes do diagnóstico e tratamento precoz da infección polo VIH

O diagnóstico precoz da infección polo VIH pode salvarnos a vida. Ante unha patoloxía como é o VIH-sida o tempo de reacción é fundamental. O diagnóstico precoz permite incrementar dunha maneira considerable a eficacia dos tratamentos contra o virus, e polo tanto, a esperanza e a calidade de vida das persoas infectadas.

Un instrumento útil e accesible para reducir o atraso diagnóstico é a realización das probas rápidas de VIH. Estas probas son gratuítas, indoloras, confidenciais e seguras. As vantaxes do diagnóstico precoz do VIH son:

  1. Permite o acceso rápido e gratuíto aos eficaces tratamentos médicos dispoñibles hoxe en día.
  2. O tratamento adiantado mellora o pronóstico da enfermidade, alarga a vida e mellora a súa calidade.
  3. Diminúe a posibilidade de transmisión a terceiras persoas.
  4. Facilitan o acceso das persoas infectadas aos numerosos recursos existentes para acadar un axeitado apoio médico, social e psicolóxico.

Entidades para realizar probas rápidas.

Onde podo obter información sobre VIH e outras ITS?

Consulta a nosa páxina con máis información e enlaces de interese neste blog.