A infección por VIH continúa a ser unha das principais preocupacións de saúde pública no noso país. Por iso é tan importante previlo. Nesta entrada de blog, ofreceremos as claves para facelo:
A profilaxe post-exposición (PPE) é unha medida de prevención secundaria orientada a evitar o desenvolvemento da infección polo VIH tras unha exposición de risco, tanto por vía sexual como parenteral. Para garantir que o tratamento sexa efectivo é aconsellable acudir a urxencias (de xeito preferente nas seis primeiras horas tras a práctica de risco). A posibilidade de aplicar esta profilaxe esténdese a 72h desde a posible exposición ao VIH e o seu tratamento consistirá en tomar fármacos antirretrovirais durante 28 días.
A profilaxe pre-exposición (PrEP) é unha estratexia preventiva que se basea na toma planificada e habitual de fármacos antirretrovirais para previr a infección polo VIH. Demostrouse ser unha medida útil e segura de prevención e recoméndase en persoas cuxo risco de infección por este virus sexa elevado. Pola contra, non serve para protexer doutras infeccións polo que o seu uso está recomendado combinado con outras técnicas preventivas como o preservativo.
O emprego do preservativo é a fórmula máis eficaz para a protección do VIH e outras ITS, sempre que sexa empregado de xeito correcto.
É importante destacar que hai algunhas infeccións frecuentes de transmisión sexual como poden ser o Virus do Papiloma Humano (VPH), a sífilis ou o herpes xenital nas que o emprego do preservativo non aporta unha protección completa, xa que tamén se transmiten por contacto de pel con pel.
Sen embargo, o uso dun método barreira está demostrado que diminúe dunha forma moi importante a transmisión de infeccións, como por exemplo o uso dun cuadrante de látex se practicas sexo bucal-xenital.
Coñecer o noso estado de saúde a través do diagnóstico de VIH é fundamental. Este é o primeiro paso paso para escoller a estratexia máis adecuada para protexernos e protexer as demais persoas.
É importante que as persoas con VIH reciban o diagnóstico e comecen o tratamento tan pronto como sexa posible. Desta forma, non estarán unicamente protexendo a súa propia saúde, senón que, ademais, evitarán que outras persoas podan infectarse.