O diagnóstico precoz da infección polo VIH pode salvarnos a vida. Ante unha patoloxía como é o VIH-sida o tempo de reacción é fundamental. O diagnóstico precoz permite incrementar dunha maneira considerable a eficacia dos tratamentos contra o virus, e polo tanto, a esperanza e a calidade de vida das persoas infectadas. Un instrumento útil e accesible para reducir o atraso diagnóstico é a realización das probas rápidas de VIH. Estas probas son gratuítas, indoloras, confidenciais e seguras. As vantaxes do diagnóstico precoz do VIH son:
- Permite o acceso rápido e gratuíto aos eficaces tratamentos médicos dispoñibles hoxe en día.
- O tratamento adiantado mellora o pronóstico da enfermidade, alarga a vida e mellora a súa calidade.
- Diminúe a posibilidade de transmisión a terceiras persoas.
- Facilitan o acceso das persoas infectadas aos numerosos recursos existentes para acadar un axeitado apoio médico, social e psicolóxico.