O CHEMSEX trátase dun termo de orixe británico que xorde entre a fusión das palabras chems (derivada de chemicals, como alusión ás drogas) e sex (sexo).
Trátase dun tipo de consumo sexualizado de substancias. Esta actuación caracterízase por un consumo de drogas con fines sexuais tendo como consecuencias longas sesións de sexo que se poden prolongar no tempo durante horas ou incluso días. Pode ser cunha parella ocasional ou estable, ou entre dúas ou máis persoas.
Dase con maior frecuencia entre homes que teñen sexo con homes. Este tipo de actividades practícanse en casas particulares, aínda que existen determinados negocios e locais dirixidos a este tipo de público como poden ser hoteis, festivais con áreas exclusivas para ter sexo, saunas ou zonas de cruising.
Realmente o chemsex fai referencia a un tipo de consumo de drogas e un patrón de comportamento sexual concreto. Existen outros tipos de consumos de drogas en contextos sexuais como na prostitución feminina e os seus clientes, nos clubs de intercambios de parella…. Con todo, as substancias de elección para estas prácticas sexuais, da mesma forma que as vías polas que se consumen, o circuíto polo que se adquiren, a duración da actividade, o número de parellas sexuais e o risco de transmisión son diferentes en función dos contextos nos que se dan estas relacións.
No marco do chemsex, é habitual que se practique sexo sen protección con diferentes parellas sexuais o que aumenta o risco de contraer unha ou varias infeccións de transmisión sexual ( ITS). Ademais, o uso de drogas pode afectar á percepción do risco, alterando a capacidade para protexer tanto á saúde propia como a dos demais. O VIH non ten cura polo momento e no caso da Hepatite C, aínda que se reciba un tratamento efectivo para eliminala pode volver contraerse mantendo prácticas de risco, especialmente co uso inxectado de drogas, feito coñecido neste contexto como “slamming”.
Cando se teñen prácticas de risco con frecuencia, débense realizar as probas ITS cada tres meses. Acude ao teu médico/a.