Se practicaches relacións sexuais de risco, non tomaches as precaucións suficientes ou tes síntomas e sospeitas que te puideches contaxiar dalgunha infección de transmisión sexual o primeiro que debes facer é tranquilizarte e non entrar en pánico. Tras isto, debes contactar co teu médico de cabeceira e solicitar unha cita. Se te atopas mal ou sentes moita intranquilidade podes acudir ao servizo de urxencias ou ao punto de atención continuada (PAC).
Ademais, en Galicia contamos cos centros “Quérote +”, un servizo de asesoramento e información sobre sexualidade, así como de prevención de consumo de drogas, imaxe corporal e autoestima, dirixido á mocidade galega, cuxos centros se atopan en Lugo, Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e Ourense. O test de embarazo, a proba do VIH e VHC ou a dispensación de preservativos son algúns dos servizos que ofrece esta iniciativa.
Algúns dos síntomas máis comúns que producen as ITS son escozor ao ouriñar, secreción amarelada ou pestilente, tanto vía vaxinal como polo pene, glande encarnado, proído, úlceras… pero non tódalas ITS producen eses síntomas, e non todas o fan de maneira inmediata, por exemplo, o VIH ou a Hepatite B non se manifestan nos xenitais e quizais tardan meses e incluso anos, en poder ser recoñecidas. Se es consciente de que mantiveches relacións sexuais de risco cunha persoa con VIH tes a posibilidade de tomar a PEP (profilaxe post exposición), a cal debe iniciarse a nas 72 horas posteriores á exposición.
O importante nestas situacións é que actúes, non podes quedar cos brazos cruzados esperando a ter algún síntoma. Se che diagnostican unha ITS, deberías avisar ás parellas sexuais que tiveses dende a posible transmisión, deixar o medo e a vergoña atrás. É importante explicar ao médico/a que che atenda todo o que ocorreu para que che poida facilitar o mellor diagnóstico. Todo este proceso é confidencial e tamén gratuíto no Sistema Nacional de Saúde. No caso de dar positivo nalgún test, o médico/a que nos atendeu, se o considera necesario, pode derivarnos a un servizo sanitario especializado para diagnóstico e tratamento.
Dependendo do tipo de infección que se sospeite, faranse análises de sangue (sífilis, VIH, Hepatite C,…) ou unha proba con hisopo (VPH, clamidia, tricomoníase, gonorrea, herpes…). Se non te fas unha análise, non se che poderá diagnosticar unha ITS e polo tanto, non se poderá tratar correctamente.
Agora que xa coñeces as posibilidades que hai e o que debes facer se sospeitas que contraíches unha ITS, é importante recalcar que para evitar ter que curar unha ITS, o que se debe facer é previr, e un condón é a mellor forma de facelo.
Recorda tamén que existen vacinas para algunhas ITS como a Hepatite B e o Virus do Papiloma Humano (VPH).