LGTBI

Moitas veces falamos do colectivo LGTBI para referirnos a un grupo de persoas que non encaixan na heteronorma pero, realmente temos claro o que implican e incorporan estas siglas?

Moitas veces cando falamos deste colectivo, repetimos de forma serial as letras que compoñen a xa case recoñecida como palabra “LGTBI”, alguén máis avanzado engadiría o “+” polo que nos quedaría “LGTBI+”. Este sumatorio engade outras identidades que conforman a realidade xeral da humanidade e que non contemplamos por non coñecer ou por non entender. Desta forma, tamén se pode falar de “LGTBIQ+”. Si, son letras e si, as temos aprendidas a modo de mantra que repetimos sempre que falamos das persoas homosexuais, obviando moitas veces a cantidade de diferenzas e existencias que comprenden ese conxunto de símbolos.

Unha cousa desaparece cando no se nomea, deixa de existir e se esquece. Porén, é importante poñerlle nome ás identidades, e sobre todo, saber que existen.  Primeiro imos definir o que son as identidades. Por unha parte, a identidade de xénero é aquela identificación de cada persoas co xénero que sente, recoñece e/ou nomea como propio. Ao afastarnos do sistema binario da diferencia sexual home-muller, é posible atopar identidades de xénero diversas non reducidas ao binomio establecido. Por outra banda, a identidade sexual é aquela que describe o sexo co que unha persoa se identifica. Tendo claro estos termos, podemos ir avanzando no enorme mundo da sexualidade.

Que é a sexualidade:

A sexualidade é unha construción social produto de prácticas historicamente específicas. Este proceso en constante formación e intercambio de valores, coñecementos e comportamentos, incorpora e transforma as relacións entre homes e mulleres e ocorre sempre dentro dun contexto social e cultural determinado. Conformando unha unidade aos diferentes momentos históricos, os procesos da modernidade conciben, norman, lexitiman e legalizan a sexualidade e o xénero reproducindo prácticas hexemónicas nas diferentes sociedades que forman e estruturan persoas e as súas relacións de xeito que diferencia e definen os contidos, as formas, os procesos, os significados, as relacións, os deberes, os desexos e as prohibicións das prácticas sexuais e relacións de xénero.

Porén, a sexualidade é un elemento que abarca todos os aspectos da vida e o desenvolvemento das persoas, manifestándose a través de valores, crenzas e comportamentos individuais e sociais. Calquera cambio que se rexistre no sistema social xeral, terá os seus efectos de forma notoria no sistema de valores colectivo.

Entón, de que falamos cando nos referimos ao colectivo LGTBIQ+? Primeiro de todo, LGTBIQ é o acrónimo de lesbianas, gais, bisexuais, trans, intersexuais e queer.

L de Lesbiana: é a muller cuxa atracción afectiva e/ou sexual se orienta cara outras mulleres.

G de Gay: home que se sente atraído emocional ou fisicamente por alguén do mesmo sexo.

B de Bisexual: persoas que se senten emocional e/ou sexualmente atraídas por persoas dos dous sexos.

T de Trans: é un termo empregado para referirse ás persoas cuxa identidade e/ou expresión de xénero non se corresponde cas normas e expectativas sociais tradicionalmente asociadas co seu sexo asignado ao nacer.

  • Transexual: é un adxectivo -aplicado a miúdo pola profesión médica- e empregado apra describir ás persoas que buscan cambiar ou que xa cambiaron os seus caracteres primarios e/ou as características sexuais secundarias a través de intervencións médicas (hormanas e/ou ciruxía) para feminizar ou masculinizarse. Estas intervencións polo xeral, son acompañadas dun cambio permanente no papel de xénero.
  • Transxénero: é un concepto que describe á persoa cuxa identidade ou expresión de xénero non está dacordo co sexo asignado ao nacer. O termo inclúe pero non é limitado aos transexuais. Débese empregar o termo que a propia persoa usa para describirse a sí mesmo ou mesma -no seu dereito de autodeterminación- e é importante recordar que non todas as persoas transxénero alteran os seus corpos con hormonas ou ciruxías.
  • Genderqueer/non binario: é un termo alternativo para designar a unha persoa que rexeita o modelo binario de presunción de xénero vixente na sociedade.
  • Travesti: é un individuo que en ocasións viste roupa tradicionalmente asociada cas persoas dun sexo distinto. As persoas travestis adoitan estar cómodas co sexo que se lles asignou ao nacer e non desexan cambialo. “Travesti” non debe ser usado para describir a alguén que se traslada a vivir a tempo completo cun sexo diferentes, ou que teña intención de facelo nun futuro. Algunhas persoas prefiren empregar o termo travesti para describirse a sí mesmas, pero deben evitarse a menos que se estea a citar a alguén que se auto identifica desa forma. I de intersexual: aquela persoa que se atopa en posesión de características físicas de ambos sexos. Son persoas que nacen con xenitais externos que presentan forma ambigua polo que no encaixan ca clasificación estándar “muller/home”; tamén son coñecidas vulgarmente como hermafroditas.

Queer: é un termo inglés alternativo a LGTB. Tamén se ten empregado con propósitos despectivos e por este motivo, non gusta a algúns gais e lesbianas, pero moitas persoas LGTB novas o empregan a modo de autoafirmación. Describe tamén toda a corrente de pensamento que expresou á súa vez un movemento ou corrente social -con presencial especialmente en EEUU a partir dos anos 80 e 90- que busca principalmente, potenciar a diversidade humana no seu senso máis amplo, fuxindo das identidades fixas e estáticas e avogando tamén pola versatilidade e variedade das potencialidades humanas.

O + fai referencia a todas as restantes identidades rexistradas e aínda por determinar que existen. Por exemplo:

Asexual: orientación dunha persoa que non sente atracción erótica cara outras persoas. Pode relacionarse afectiva e romanticamente, e non implica necesariamente non ter libido ou non practicar sexo e non sentir excitación.

Axénero: é unha identidade na que a persoa non se identifica con ningún xénero.

Xénero fluído: son persoas que non se identifican cunha soa identidade de xénero, se non que poden variar entre masculino e feminino ou outros. As persoas que se caracterizan por ter xénero fluído, poden cambiar de identidade con frecuencia, dependendo do contexto. Tamén pode ser definido como xénero inestable.

Demisexual: persoa que non experimenta atracción sexual a menos que forme una forte conexión emocional con alguén.

Pansexual: é unha orientación pola que unha persoa sente atracción erótica, afectiva cara outra persoa con independencia do sexo, xénero, identidade de xénero, orientación secual ou roles sexuais, así como a capacidade para manter relacións íntimas e/ou sexuais con elas. Tamén existe outra denominación: omnisexual.

Androxinia: é a característica dunha persoa cuxa aparencia a modo de expresión é unha mestura de trazos e/ou comportamentos femininos e masculinos.

Ao longo da nosa historia existiu a diversidade, formas e cores que moldean as relacións e que moitas veces descoñecemos pensando que é algo recente. A diversidade sexual é un feito tanxible que non se pode ignorar. A diversidade fainos persoas, coas nosas determinacións e diferenzas que permiten o avance e cambio da nosa sociedade. Acéptate e acepta, infórmate e respecta!