Se sífilis vos soa a unha enfermidade medieval xa erradicada… cómpre que sigades lendo. Hoxe dámosvos as claves sobre esta infección de transmisión sexual. E non, non está erradicada ^^
Que é a sífilis?
É unha infección de transmisión sexual causada por unha bacteria chamada Treponema Pallidum.
Como se contrae a infección?
A través de relacións sexuais desprotexidas (sen preservativo) cunha persoa que teña a infección, a través de sexo anal, vaxinal ou oral. Ademais, as mulleres embarazadas poden transmitirlle a enfermidade ao seu fillo/a.
Cales son os seus síntomas?
A sífilis ten 4 etapas:
- Sífilis Primaria
Aparición dunha úlcera sen dor naquela parte do corpo que estivo en contacto coa bacteria (pene, vulva, vaxina, boca, ano ou calquera parte da pel que contacte coa úlcera sifilítica), aproximadamente 2-3 semanas despois de ter relacións sexuais cunha persoa infectada. Pode tardar en curarse ata 6 semanas e ser unha importante vía de contaxio. - Sífilis Secundaria
Se non se realiza tratamento, a enfermidade progresa a esta fase, entre 3-6 semanas despois da aparición da úlcera. Os seus síntomas inclúen erupción cutánea, inflamación localizada na zona xenital, manchas brancas na boca, lesións en órganos internos e glándulas inflamadas. - Sífilis Latente
Cando os síntomas da sífilis secundaria desapareceron, é posible que non se produzan síntomas durante varios anos, pero a infección está presente e pode detectarse a través dunha analítica de sangue. - Sífilis Terciaria
As personas non tratadas poden desenvolver graves problemas neurolóxicos, osteoarticulares ou cardíacos moitos anos despois da infección.
Como se diagnostica?
Se mantiveches relacións sexuais desprotexidas ou tes síntomas que che fan sospeitar, cómpre que acudas ao teu médico/a de cabeceira. Precísase unha análise de sangue para detectar os anticorpos fronte a esta infección. Se tes unha úlcera será necesario tomar unha mostra dela para facer o diagnóstico.
Como se pode previr?
Empregando correctamente o preservativo en todas as túas relacións sexuais. Nunca compartas xoguetes sexuais. Se che diagnosticaron sífilis avisa ás túas parellas sexuais para que acodan á consulta do seu médico/a.
Como se trata?
O médico/a receitarache antibióticos específicos. Se se trata correctamente na súa fase primaria, a sífilis non terá consecuencias a longo prazo. No caso contrario, pode causar complicacións e graves problemas de saúde.