Recibimos moitas consultas preguntándonos acerca do sexo oral e se a súa práctica sen protección implica algún risco para a saúde. A resposta é si. Sigue lendo!
Moitas persoas consideran que o sexo oral é unha práctica sexual segura. Se ben é certo que ten menor risco que o coito anal ou vaxinal, a realidade é que o sexo oral desprotexido é tamén unha práctica de risco para a transmisión dunha infección de transmisión sexual (ITS), posto que entran en contacto a mucosa oral e a xenital. Ademais, é bidireccional, isto é, pode infectar tanto á persoa que o fai como á persoa que o recibe.
De que ITS me podo infectar?
O risco de transmisión varía segundo a ITS da que se trate e doutros factores de risco, como a existencia dalgunha ITS previa, lesións no pene, boca ou ano, ou exaculación no interior da boca.
Ademais de estar en risco de adquirir VIH a través de sexo oral, tamén hai outras infeccións que se poden transmitir por esta vía, como o herpes, a sífilis, a gonorrea, o virus de papiloma humano, parásitos intestinais, e hepatite A ou B.
Protéxete sempre
Como sempre vos dicimos, moitas ITS son asintomáticas e, polo tanto, unha persoa pode estar infectada sen o sospeitar e transmistir a infección ás súas parellas sexuais a través do sexo sen preservativo.
Emprega sempre o condón ou as láminas de látex cando realicedes / recibades unha felación ou un cunnilingus.
Se tes algún síntoma ou realizaches prácticas sexuais de risco, pasa pola consulta do teu médico de cabeceira.