Xa están dispoñibles nas farmacias os chamados Autotest de VIH. Son probas rápidas que podes adquirir sen receita médica e que se realizan cunha mostra de sangue capilar extraída da xema do dedo. Queres saber máis? Sigue lendo!
Que son?
Son probas rápidas de detección de anticorpos fronte ao VIH-1 e VIH-2, que se realizan cunha mostra de sangue capilar extraída da xema do dedo.
Onde podo adquirir os Autotest VIH?
Están dispoñibles nas farmacias e pódense mercar sen receita médica.
Cales son as características destas probas?
- Non son diagnósticas.
- Sempre son voluntarias.
- Non se poden reutilizar.
- O seu resultado é fiable se pasaron, polo menos, 3 meses dende a práctica de risco.
- Lectura visual do resultado.
- Resultado da proba en menos de 20 minutos.
- Temperatura de conservación da proba: entre os +8ºC e os +30ºC
- Para conservar a proba debe evitarse a exposición directa á luz.
Cando se debería facer unha proba de VIH?
A proba do VIH está indicada despois dunha práctica ou situación de risco para a transmisión do VIH. Por exemplo:
- Relacións sexuais sen preservativo (sexo anal, vaxinal e oral, tanto insertivo como receptivo)
- Compartir material de inxección de drogas
- Exposicións accidentais, como a rotura de preservativo nunha relación sexual cunha persoa infectada polo VIH ou o contacto con sangue en feridas ou mucosas.
Como se interpretan os resultados do autoest de VIH?
É importante que teñas en conta que ningún Autotest do VIH é fiable ao 100%. Poden producirse falsos positivos (resultado positivo nunha persoa VIH-) e falsos negativos (resultado negativo nunha persoa VIH+).
Resultados negativos
Se a práctica de risco se produciu fai máis de 3 meses e o resultado é negativo significa que a persoa probablemente non estea infectada polo VIH. Se ten dúbidas da interpretación do resultado consúlteo co seu médico/a de Atención Primaria.
Resultados dubidosos:
Se non estás seguro de se realizaches correctamente o autotest é recomendable acudir á consulta de Atención Primaria para realizar unha proba diagnóstica de VIH.
Resultados incorrectos:
O resultado pode ser incorrecto se non se teñen en conta estes aspectos:
- Conservación axeitada do kit,
- Seguir fielmente as instrucións de uso,
- Realizar a proba despois de pasar, polo menos, 3 meses dende a práctica de risco.
- Non sobrepasar a data de caducidade do kit.
Resultados positivos:
Sempre debe confirmar o resultado positivo mediante unha proba de VIH sanguínea que pode solicitar en calquera destas consultas do Servizo Galego de Saúde de xeito totalmente gratuíto
Teño dúbidas. A quen podo consultar sobre estas probas?
Podes preguntarlle ao teu farmacéutico ou contactar con Plan Galego anti VIH/sida, coa rede de centros Quérote+ da Xunta de Galicia, co Servizo Multicanal de Información e Prevención do VIH e a Sida da Cruz Vermella (900 111 000) ou con CESIDA.
Lembra que tamén tes á túa disposición as probas rápidas de VIH en fluído oral do programa da Consellería de Sanidade, que se poden realizar de xeito anónimo, gratuíto e confidencial en calquera dos seguintes puntos. Estas probas están realizadas por profesionais cualificados para a realización e interpretación da proba así como para ofrecer información e asesoramento ás persoas que se queiran realizar unha proba rápida.