Hoxe no blog falámosvos sobre unha das infeccións de transmisión sexual máis comúns. Descubre que é, como se contrae, cales son os seus síntomas e que facer para a súa prevención.
Que é?
É unha infección de transmisión sexual (ITS) causada polo parásito protozoario chamado Trichomonas vaginalis. Está considerada como unha das enfermidades de transmisión sexual máis comúns. Afecta sobre todo ás mulleres.
Como se contrae a infección?
A través de relacións sexuais desprotexidas cunha persoa que teña a infección. Durante as relacións sexuais, o parásito transmítese do pene á vaxina ou da vaxina ao pene, pero tamén se pode transmitir dunha vaxina a outra. Non é frecuente que o parásito infecte a outras partes do corpo, como as mans, a boca ou o ano.
Cales son os seus síntomas?
Arredor do 70% das persoas con tricomoniase non presentan síntomas. Cando causa síntomas, nas mulleres provoca fluxo vaxinal abondoso, de cor amarela verdosa, fedorento e proído vulvar intenso. Os homes poden sentir proído ou irritación no pene, ardor despois de ouriñar ou exacular, e poden tener algunha secreción.
En xeral, a tricomoniase provoca molestias durante as relacións sexuais.
Como se diagnostica?
Se non se trata, a infección pode durar meses ou anos. Se mantiveches relacións sexuais desprotexidas ou tes síntomas que che fan sospeitar, cómpre que acudas ao teu médico/a de cabeceira. Precisarase unha proba de laboratorio para realizar o diagnóstico. Ademais, a tricomoniase pode aumentar o risco de contraer ou propagar outras ITS, por iso é importante o seu diagnóstico precoz.
Como se pode previr?
Emprega sempre o preservativo nas túas relacións sexuais. Se che diagnostican tricomoniase, é fundamental que avises ás túas parellas sexuais para que poidan realizar as probas oportunas.
Aínda que foras tratado de tricomoniase no pasado, podes volver infectarte.
Como se trata?
O médico/a receitarache o tratamento antibiótico curativo específico para esta infección, fundamentalmente metronidazol ou tinizadol.