Verán! Tempo de vacacións, relax, viaxes, festas, reencontros… todo pinta ben, non si?
Está claro que o verán hai que vivilo, sobre todo a xente nova, pero tamén é certo que hai que gozalo con precaucións para que non acabe convertido nun inferno.
Algúns estudos sinalan incremento de casos de enfermidades de transmisión sexual que poderían estar asociados a transmisión na época estival. Por que? Porque no verán socializamos máis, aumentan os contactos e tamén temos máis relacións sexuais, pero o problema é que nos relaxamos e non utilizamos os métodos preventivos axeitados.
Despois do verán, o incremento de diagnósticos de ITS adoita ser xeral e sobre todo, de gonorrea, sífilis e clamidia.
Esquecer a protección durante as relacións sexuais pode ter consecuencias importantes na nosa saúde. Hai moitas ITS que non manifestan síntomas a curto prazo, mesmo poden estar latentes durante meses ou anos no organismo, pero iso non significa que sexan menos perigosas.
A mellor maneira de protexerse fronte ás ITS é utilizando protección axeitada durante toda a práctica sexual. O preservativo é un método sinxelo e seguro que te debe acompañar durante todo o verán… pero ollo! Tamén hai que ter en conta unha serie de consellos:
- Protéxeos das altas temperaturas, que poden deterioralos.
- Transpórtaos en fundas específicas ou caixas de plástico duro para evitar que se rocen e rompan.
- Úsao sempre dende o inicio da relación sexual e retírao antes de perder a erección.
No verán cambia o noso ritmo de vida e tamén as nosas prácticas sexuais. Máis tempo libre, máis liberdade e máis experiencias. Todas poden ser positivas, sempre que nos saibamos protexer axeitadamente. O condón é o noso aliado, úsao e desfruta do verán e do sexo seguro.
E non esquezas… que as medidas de prevención do covid-19 seguen sendo necesarias. Cóidate e cando sea a túa quenda, vacinate!