Que é a hepatite B?
Unha infección do fígado causada polo virus da hepatite B (VHB). Pode dar lugar a unha hepatite aguda pero tamén pode cronificarse nun número elevado de persoas e evolucionar a cirrose e/ou cancro de fígado. O risco de cronificarse é moi elevado sobre todo en lactantes (80-90%) e en nenos de menos de 6 anos. Tamén en adultos a cronificación é importante. Entre un 20-30% dos adultos que padecen unha infección crónica por VHB sufrirán cirrose e/ou cancro hepático.
Como se transmite o VHB?
O VHB é altamente transmisible. Transmítese de nai a fillo por transmisión perinatal e tamén por exposición percutánea ou das mucosas a diferentes fluídos corporais infectados: sangue, soro, plasma, seme, fluxo vaxinal, saliva etc. As relacións sexuais sen preservativo (tanto en homes que teñen sexo con homes como de persoas heterosexuais) e compartir materiais para inxectarse drogas son as vías de transmisión máis importantes do VHB. O virus pode persistir polo menos 7 días fóra do organismo. Pode transmitirse tamén por compartir cepillos de dentes, coitelas de afeitado, etc. A infección ten un período de incubación entre 30 y 180 días.
Cales son os síntomas e o seu tratamento?
A maior parte das persoas afectadas non experimentan síntomas durante a fase de infección aguda. Algunhas persoas presentan un cadro de varias semanas de duración que inclúe: coloración amarela da pel e dos ollos, ouriños escuros, fatiga extrema, náuseas, vómitos e dor abdominal. Un pequeno grupo de persoas poden sufrir insuficiencia hepática grave que pode provocar a morte. Algunhas persoas tamén curan espontaneamente despois de pasar a fase aguda. Unha porcentaxe variable pode evolucionar a hepatite crónica que pode dar lugar a cirrose hepática e/ou cancro hepático. Non hai tratamento específico para a hepatite B aguda. A infección crónica por VHB pode tratarse con antivirais que enlentecen o avance da cirrose, reducen a incidencia de cancro de fígado e melloran a supervivencia a longo prazo.
Prevención do VHB:
Básase en dous piares: vacinarse coa vacina do VHB e evitar a exposición ao VHB. Esta vacina esta incluída no calendario vacinal infantil e a primeira dose ponse aos dos meses de vida. Tamén se vacina ás persoas adultas non vacinadas pertencentes ao grupos de elevado risco para contraer o VHB. O uso correcto do preservativo evita a transmisión deste virus por vía sexual.