Sabías que o 77% dos novos casos de VIH en Galicia se produciron a causa das relacións sexuais desprotexidas? A prevención e o diagnóstico precoz son fundamentais.
A incidencia do VIH en Galicia descendeu nos últimos catro anos, pasando de 81 a 44 casos ao ano por millón de habitantes. Pero non hai que baixar a garda. Do total de casos rexistrados por novas infeccións, o 77% dos contaxios produciuse a causa das relacións sexuais non protexidas (39,9% por relacións entre homes que teñen relacións sexuais con outros homes e o 37,5 % en relacións heterosexuais) e o 17% por compartir material de inxección de drogas.
A importancia do diagnóstico precoz
Sabías que 1 de cada 5 persoas infectadas polo VIH non sabe que o está? Ademais, pode estar transmitindo a infección a outras persoas se mantén prácticas sexuais non seguras. Por iso, dende Sex Invaders queremos sumarnos ao Día Mundial do VIH/Sida poñendo o foco de atención na importancia do diagnóstico precoz.
Se sospeitas que podes estar infectado de VIH ou tiveches relacións de risco, podes realizar a proba rápida do VIH en fluído oral de xeito anónimo, gratuíto e confidencial en numerosos puntos da xeografía galega. No caso de dar un resultado reactivo, debe confirmarse sempre cunha proba de VIH en sangue.
Lembra que canto antes a diagnostiques, antes poderás acceder ao tratamento antirretroviral, que asegura unha mellor calidade e esperanza de vida.
Sempre sexo seguro
Polo momento, non existe unha vacina preventiva nen tratamento curativo polo momento do VIH/Sida. A prevención é a mellor estratexia de control. Lembra usar sempre o preservativo en todas as túas prácticas sexuais.