Quen ama a música, ama a vida. Esta é unha máxima que os músicos levan consigo dende tempos inmemorables. É por isto polo que moitos músicos decidiron escribir e cantar cancións contando historias ó redor do VIH. Aquí facemos unha selección de 5 cancións que contan estas historias, visibilizan a situación das persoas afectadas e axudan a combater unha infección que afecta a milleiros de persoas.
1. Comiéndote a besos – Rozalen
Rozalén é unha cantautora orixinaria de Albacete. Canta coa súa guitarra e acompañada por Beatriz Romero quen traduce as súas cancións de xeito simultáneo á linguaxe de signos. En 2013 liberou o sinxelo “Comiéndote a besos”. Esta canción trata a perspectiva dunha persoa namorada doutra co VIH. A paixón que lle esperta por riba de todo pero coa consciencia dos límites que supón unha relación cunha persoa co VIH. Todo isto nunha das mellores voces contemporáneas cunha melodía que chega fondo.
2. Free Me – Sia
A artista australiana Sia, é coñecida na industria musical por ser a autora de “Diamonds” para Rihanna e “Chained to the Rhythm” de Katy Perry, ademais de ter unha carreira na escena musical do pop como cantante e compositora. En 2017 estreou a canción “Free Me” canda un vídeo clip protagonizado por Zoe Saldaña e narrado por Julianne Moore. A canción é unha chamada de axuda da protagonista para liberala da dor crónica que sufre. O vídeo clip conta a historia dunha rapaza que descubre ser portadora do VIH e que isto podería transmitirllo ó fillo que agarda.
A canción enmárcase nunha campaña solidaria de #endHIV para recoller fondos para a investigación dunha vacina preventiva do VIH.
3. America – Wu-Tang Clan
Wu-Tang Clan é un dos grupos máis importantes do Hip Hop americano dende os 90. Caracterizados por unhas cancións moi agresivas, tanto nas súas bases como nas propias letras, foron un grupo comprometido coa comunidade afroamericana e as causas do seu tempo. En 1996 a Red Hot Organization publicaron o álbum “America Is Dying Slowly” acróstico (acrónimo??) de AIDS, SIDA polas súas siglas en inglés, no que Wu-Tang Clan figura coa canción “América”. A letra fai unha análise crítica da realidade demográfica da SIDA nos noventa, na que o grupo intenta apelar á mocidade afroamericana para conciencialos sobre a prevención e o uso do condón.
4. Streets of Philadelphia – Bruce Springsteen
Na nosa entrada sobre o Cine e o VIH falabamos sobre Philadelphia, a película de Jonathan Demme que trata a historia dun mozo avogado de Filadelfia con VIH que é despedido dun bufete pola súa condición. O director buscaba que a banda sonora axudase a que un público amplo se achegase a unha película cunha trama tan delicada ó redor de cuestións de actualidade como o estigma do VIH e a discriminación. Bruce Springsteen escribiu “Streets of Philadelphia” para a película e converteuse nun éxito. Chegou a acadar un premio Óscar e un Globo de Ouro a á mellor canción orixinal ademais de varios Grammys. A letra fala dende a perspectiva do protagonista do film sobre a súa tristeza mentres camiña pola cidade de Filadelfia.
5. Waterfalls – TLC
TLC é o grupo feminino máis exitoso de Estados Unidos e o segundo mundial, tan so por detrás das Spice Girls. Composto por Tionne “T-Boz” Watkins, Lisa “Left Eye” Lopes e Rozonda “Chilli” Thomas, o grupo foi moi relevante na escena musical dos noventa conectando indistintamente o Hip Hop co R&B, o funk e o soul, e son coñecidas por cancións como Waterfalls. Esta canción foi composta por Lisa Lópes, Marqueze Etheridge e Organized Noize e trata os temas de tráfico de drogas, promiscuidade e VIH a través de historias que van aparecendo coma imaxes ó longo do vídeo clip da canción dun xeito sutil.